COA MOCIDADE, NA ESQUERDA

Comunicado de ADIANTE ante o 1 de marzo

Ante a convocatoria electoral do 1 de marzo, o Comité Nacional de ADIANTE, organización da mocidade comunista e independentista de Galiza, reunido de xeito ordinario en Compostela o 15 de Febreiro de 2009, manifesta publicamente:
 
1. Nun sistema tan dubidosamente democrático como o da monarquía española, e nun proceso de loita revolucionaria pola liberación da nosa nación e da nosa clase como o que leva a cabo a mocidade organizada en ADIANTE, os embates electorais son para nós meras ferramentas de moita menor importancia que o noso activismo diario na rúas e centros de estudo, de traballo e de lecer xuvenil de Galiza.
 
2. Porén, consideramos importante que o proletariado nacional e a mocidade asalariada, desempregada e estudante da clase obreira conte cunha alternativa de esquerda real e completamente independentista no seu colexio electoral no intre de ir votar.
 
3. Para amplos sectores da nosa clase e da nosa mocidade, o voto a unha alternativa verdadeiramente de esquerdas, patriótica e constituída por obreiras e obreiros, é un acto cívico de protesta, de denuncia, de golpear aos partidos-empresa que se reparten o poder nunha cámara sucursalista e colonial como a do Hórreo.
 
4. Nin as candidaturas do BNG nin as de Nós-UP son, nin de lonxe, merecentes do voto rebelde da mocidade obreira e comunista de praxe independentista. O BNG, que xa fai parte do sistema que nos explota diariamente e nos condea á miseria, é un proxecto esgotado, cós pés e a cabeza en Madrid, subastado ao mellor pagador, lacaio da oligarquía, e que tan só serve de apéndice autonomista e submiso do Bipartito. Agora ademais, saénnos co proxecto dunha policía “galega”, como se as experiencias das esquerdas independentistas de Euskadi e Catalunya coa Ertzaintza e os Mossos non nos serviran xa de exemplo.
 
5. Pola súa parte, o colectivo neo-independentista Nós-UP, cunha composición allea á clase obreira galega e auto-marxinalizado pola súa campaña –tan beneficiosa para o BNG- de insultos, manipulacións e difamacións contra a candidatura do independentismo de clase, tan só pode recibir o apoio de grupúsculos xuvenís infantilistas, máis fascinados pola imaxe do radicalismo estético que atraídos pola loita de clases consecuente.
 
6. Como organización internacionalista que somos, solidarizámonos co pobo traballador de Euskal Herria, privado de voz nas eleccións da CAV. Queda máis claro que nunca o carácter anti-democrático dun Estado Imperialista Español (EIE) que, carente de división de poderes, quere situar ao político sipaio Patxi López como “Lehendakari a dedo” por imperativo político-xudicial. Todos os nosos folgos para @s ilegalizad@s e perseguid@s.
 
7. A candidatura da Frente Popular Galega (FPG), partido comunista e independentista fragoado na loita de clases, é a da única organización política soberanista con bases e dirección maioritariamente obreiras, interxeneracionais e coerentes. E, alén de ser a única formación que nestes tempos de crise denuncia activamente o carácter colonial da produción enerxética nacional, moitos membros de ADIANTE participan nas candidaturas abertas da Frente Popular Galega, incluso como números 1, como acontece nas de Ourense e A Coruña.
 
8. Nas candidaturas da FPG, están representadas a mocidade independentista, o sindicalismo nacional e de clase, activistas veciñais, cargos electos, a intelectualidade patriótica e revolucionaria, a clase obreira precaria, xoves e veteráns comunistas, independentes e membros de unidades populares locais como a Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) e o Colectivo Nacionalista de Marín (CNM).
 
Por todo isto, ADIANTE pide o voto da mocidade galega de esquerdas, explotada, asoballada e farta de circos e mentiras, para a única candidatura que a día de hoxe nos representa como clase e nación: a da Frente Popular Galega (FPG). Porque o avance do independentismo de clase é avantar cara a República Galega e Popular.
 
 
Comité Nacional de ADIANTE
Galiza, 15 de Febreiro de 2009