| Crónica da II Asemblea Nacional |
O pasado 20 de decembro a nosa organización celebrou na vila de Cangas a súa II Asemblea Nacional, o terceiro plenario de ADIANTE desde a fundación formal en outubro de 2004, co lema A mocidade comunista pola independencia de Galiza.Na sesión de mañá, tras a visualización dun vídeo sobre o camiño percorrido pola organización desde maio de 2004 até hoxe, comezou a II AN co debate sobre o informe de xestión, a traxectoria de ADIANTE e as distintas alternativas e propostas da militancia para superar as eivas coas que contamos. No eido político -estratéxico e táctico- a tendencia da AN foi practicamente continuísta (renovando as análises da situación nacional e internacional) e non houbo grandes mudanzas, pero si que se produciron os pertinentes reaxustamentos e actualizacións nalgúns puntos do programa e do modelo organizativo.
Así, ADIANTE pasa de ser un colectivo marxista aglutinante a unha organización de cadros que se dota do marxismo-leninismo e do modelo centralista democrático. A causa da fusión entre ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) e do Grupo Revolucionario de Estudantes Independentistas (GREI), a nosa organización pasa a asumir tamén as competencias propias dun colectivo estudantil, tarefa que será coordinada pola recén creada Comisión Nacional de Traballo Estudantil (CNTE). Debido a esta fusión e ao novo modelo, ADIANTE muda a súa identificación de mocidade revolucionaria galega á de mocidade comunista e independentista de Galiza. ADIANTE reafirma a súa liña ideolóxica comunista, independentista, feminista e ecoloxista asumindo tamén a defensa das persoas internas nas prisións, a loita pola liberdade sexual e a resistencia antifascista e internacionalista. Tras o xantar, na sesión de tarde, decidíuse tamén a política de alianzas a nivel galego e mundial, e se ratificou o convenio co partido comunista FPG no camiño de artellar nun futuro, xunto con outros colectivos e organizacións, un Movemento de Liberación Nacional Galego (MLNG) popular e de clase. Tamén se escolleu un novo Comité Nacional, que é como se pasa a chamar a antiga Dirección Nacional, destacando o equilibrio na súa composición entre estudantes e asalariados, e que a metade d@s integrantes do mesmo non chegue aos 20 anos de idade. Ao final da Asemblea léronse os comunicados de adesión de organizacións amigas, tanto nacionais como internacionais. Deste novo plenario ADIANTE saíu reforzada e con máis folgos na tarefa de formar e organizar a máis mozas e mozos comunistas independentistas na loita pola liberdade da nosa clase e da nosa Nación. |