ADIANTE celebrará a súa II Asemblea Nacional en Cangas
 
II Asemblea Nacional de ADIANTE O sábado 20 de decembro, nunha dobre sesión de mañá e tarde, a nosa organización celebrará a súa II Asemblea Nacional na sala Moncho Reboiras do Local Independentista de Cangas do Morrazo baixo a consigna A mocidade comunista pola independencia de Galiza.
 
Tras a Asemblea Nacional Constituínte de outubro de 2004, na que o proxecto ADIANTE comezou a dar o seus primeiros pasos como organización xuvenil, e a I Conferencia Nacional de novembro de 2007, na que se deu un preciso paso á frente, este terceiro plenario nacional servirá para consolidar as estruturas e o programa da organización da mocidade comunista e independentista de Galiza.
 
Nesta Asemblea Nacional, malia se facer a porta pechada, participarán tanto militantes como mozas e mozos próxim@s á organización, e na mesma se debaterán tres documentos principais: o Relatorio ideolóxico, o Relatorio político e o Relatorio organizativo.
 
O Relatorio ideolóxico servirá para enriquecer as liñas básicas de ADIANTE coas novas aportacións que se foron sumando neste catro anos de traxectoria. No Relatorio político, alén de debater a situación económica e política nacional e internacional, o plenario actualizará o programa táctico para a loita xuvenil dun punto de vista nidiamente marxista-leninista e de clase, ademais de definir a política de alianzas. E xa no Relatorio organizativo axustaranse as estruturas da organización para dotala de maior democracia interna, unidade de acción, dinamismo e capacidade de resposta para dar o combate pola independencia e o socialismo.
 
Uns días despois da celebración deste plenario poderanse ler os relatorios definitivos e as resolucións tanto na nosa páxina web como en papel nos lugares de distribución habituais. De ADIANTE temos moitas esperanzas postas nesta Asemblea Nacional co convencemento revolucionario de que a organización e a loita son o único camiño para a nosa liberdade.
 
Viva Galiza independente e socialista!
Viva a mocidade comunista!