| ABONDA DE REPRESIÓN! IMOS VIVIR EN GALEGO! |
Onte a represión españolista volveu amosar a súa face diante de douscentos mozos e mozas viguesas concentrad@s a carón do teatro García Barbón para responder á provocadora presentación de sinaturas do colectivo españolista “Galicia Bilingüe”. Onte os cadelos uniformados do Estado Imperialista Español seguiron ao pé da “raia” as ordes do PSOE e reprimiron violentamente e en varias ocasións a mocidade do noso país. Dende o primeiro momento os cacheos e identificacións foron sistemáticas, do mesmo xeito que os empurróns por parte da policía, a prepotencia e a intimidación. Nin máis nin menos que seis escuadróns policiais tomaron os arredores do teatro, pecharon rúas e canellóns e arrodearon aos manifestantes. E mentres isto pasaba fóra, dentro do auditorio varias persoas foron desaloxadas pola forza por ergueren cartaces e por defenderen o dereito do noso pobo a vivir en galego e sen complexos. Un auditorio, por certo, ao que non se lle deu en ningún momento a palabra nin o dereito a réplica, e onde os alí congregados remataron cun “Tenemos que hacer de esto una cruzada”. Mellor aforramos comentarios ao respecto. Dende ADIANTE queremos transmitir o noso máis firme apoio a todos os feridos na concentración en Vigo na defensa da nosa lingua, e en especial a XMPL, o mozo agredido brutalmente nesa mesma concentración, detido e agredido de novo, segundo as súas propias declaracións, dentro do furgón policial en que o transladaron á comisaría central da rúa López Mora. Alí estivo incomunicado toda a noite ata hoxe pola mañá, e mesmo a policía se negou a darlle ningún tipo de información aos pais, que acudiron onte á noite á comisaría de policía: “no le puedo decir nada, ni siquiera sé si lo tenemos detenido dentro o no”, foron as palabras do policía da porta. O mozo tivo unha vista no Xulgado de Vigo hoxe á mañá e saíu en liberdade con cargos acusado de “atentado contra la autoridad”. Terase que enfrontar a unha pena de entre 2 e 4 anos de cadea. O rapaz presenta fortes contusións nas costas, brazos e pernas. Queremos, para rematar, felicitar ao Foro da Mocidade de Vigo pola boa acollida que tivo a convocatoria. Non nos van calar. Adiante e ánimo á mocidade viguesa. Non ao bifidismo harmónico! Imos vivir en galego! |