Policías fascistas. Calviño dimisión!
Acosos intimidatorios, malleiras ao máis puro estilo mafioso, persecucións indiscriminadas, agresións racistas e fascistas, brutais actitudes chulescas,… son cada vez máis frecuentes entre os membros da Policía Local de Vigo. O medo a sufrir as iras dos axentes municipais é cada vez máis palpábel entre a poboación viguesa por moito que estes sexan defendidos e xustificados polos políticos da corporación da Praza do Rei e pola prensa orgánica da cidade: Faro de Vigo, Localia, Atlántico, Radio Vigo-SER, Televigo,…
 
Os casos que tiveron algunha (ou moi pouca) repercusión mediática, como a malleira salvaxe que sufríu o africano Mamadou ao carón do zoolóxico ou as agresións a hostaleiros sudamericanos na Rúa Urzáiz, foron silenciados e os seus responsábeis saíron impunes. No caso dos agresores de Mamadou, tras ser condeados, foron indultados a petición do alcalde-xuíz Pérez Mariño (Ventura “O Breve”) e do resto de grupos da cámara viguesa.
 
O colmo desta situación foi a petición por parte dos propios policías de poder utilizar pistolas paralisantes por descarga eléctrica, as mesmas “ferramentas disuasorias” que mataron a un cidadán polaco nun aeroporto de Canadá hai poucos días. Os “defensores da lei e da orde” de Vigo chegaron a organizar, coa permisividade de Xulio Calviño, un patético “espectáculo” no que se aplicaban descargas a persoas ante as gargalladas dos axentes.
 
A política de recrutamento do concello vigués, contratando a ex-macarras e “malotes” como axentes, ten como resultado un corpo represivo que non respecta a ninguén e que aplica a súa lei dun xeito arbitrario contra a clase traballadora e a mocidade. É esta a única cidade onde os movementos populares e anti-sistema, ao desempeñar a nosa actividade propagandística, mobilizadora e axitativa, temos máis preocupación por nos atopar coa Policía Local que coa Policía “Nacional” ou coa Garda Civil.
 
É por todo isto que a Agrupación de Vigo-O Morrazo de ADIANTE exiximos responsabilidades e a dimisión do concelleiro de “seguridade” Xulio Calviño. Non podemos permitir que unha panda de matóns continúe atemorizando a todos os vigueses e viguesas durante máis tempo.
 
Non máis represión!
Calviño dimisión!