|
Concentración reivindicativa permanente.
Esta semana, na cidade de Compostela, o sector máis combativo do campesiñado galego, integrado no Sindicato Labrego Galego (SLG), desenvolve unha concentración reivindicativa permanente con sé na Alameda compostelá, coa esixencia dun prezo mínimo para o leite enmarcado na Semana de Accións Europeas Polo Prezo do Leite, que pon outra volta sobre a escena política galega a reclamación deste sector produtivo sobre a necesidade do establecemento dun prezo mínimo que se sitúe por enriba dos prezos de produción. As accións están dirixidas a difundir entre o pobo galego o contido das propostas que a Coordenadora Europea de Vía Campesiña para a reactivación do sector leiteiro no conxunto do mercado europeo que se concretan no mantemento dunha produción leiteira sostíbel, a xestión da produción pública, o prezo mínimo para o leite por enriba do custo de produción, a quebra das restricións da Organización Mundial do Comercio, a fin dos subsidios á exportación entre outras. ADIANTE apoia unha vez máis a iniciativa desta organización sindical galega cuxo programa de actos se atopa na súa páxina web , e que está a desenvolver nos últimos tempos un importante programa de mobilizacións pola reactivación dos nosos sectores produtivos nacionais, neste caso do leiteiro. Neoliberalismo e barbarie. No están deslindados o conflito campesiño e mailo conflito obreiro. No caso do agro, as agresións á clase traballadora (desemprego, flexiseguridade ou despedimento libre, precariedade, inseguridade laboral, desigualdade da muller no eido laboral, ampliación desmedida da xornada, exposición a actividades laborais de alto risco sen proteccoón, criminalización dos mecanismos de autoprotección e loita da clase obreira, etcétera) teñen unha outra forma que vén a significar o mesmo: o dominio atroz dos paradigmas neoliberais que operan nas nosas sociedades e que están a regresar sobre a historia, desartellando o pouco que xa queda daquela ilusión fugaz do Estado de Benestar (que foi conquista da clase obreira mundial), tornado a actividade produtiva unha actividade aínda máis escrava . É dicir, o sometemento do enteiro do pobo traballador aos intereses concretos, económicos, da aristocracia mundial. segue...
|