| 5 anos cara adiante: acto político e festa |
|
|
|
|
Mais realmente a traxectoria de ADIANTE vén de antes. E non só porque as mozas e mozos que constituíron a nosa Organización levasen sobre as súas costas unha longa experiencia no activismo xuvenil, estudantil, sindical e asociativo, senón porque o abrollo de ADIANTE vén da véspera do Día da Patria de 2003, cando un grupo de persoas, con militancia política ou sen ela, comezaron a se reunir en asembleas abertas para debater sobre como encamiñar organizativamente todas as súas inquedanzas. Unhas inquedanzas que proviñan da loita contra a LOU e o Informe Bricall, contra as guerras imperialistas contra os pobos de Irak ou Afganistán, das folgas xerais de 2000 e 2001, da oposición frontal á fascista Lei de Partidos, das loitas polo desastre nacional do Prestige. E moitas máis. Todas estas inquedanzas, todas estas mans e cabezas, conflúen o 9 de Outubro de 2004 en Compostela, onde co lema O futuro é noso! se celebra a Asemblea Nacional Constituínte de ADIANTE (MRG). Os primeiros pasos de ADIANTE (MRG) foron moi activos, sobre todo nos eidos do internacionalismo, do feminismo e da loita obreira. Dende cedo, a nosa organización é recoñecida e conta con voz propia en foros como as Bases Democráticas Galegas ou a Plataforma contra a Constitución europea. Este recoñecemento tamén atinxe ao eido internacional con encontros co independetismo xuvenil de países como Euskal Herria ou os Països Cataláns, e coa presenza de ADIANTE (MRG) en calidade de delegación galega en citas como a Trobada Internacionalista de Quatretonda (PPCC), o Festival de Villalar ou o Festival de apoio a Cuba e Venezuela en Salamanca (Castela). Tampouco tarda moito ADIANTE en aparecer nas listas negras dos aparellos represivos do Estado, poñéndonos, sobre todo a Garda Civil, no seu punto de mira xunto con outras organizacións políticas, xuvenís, sindicais ou estudantís da esquerda independentista. A nosa resposta: seguir a loita. Un ano despois da nosa fundación aparece o noso voceiro nacional, a revista EMBATE. Cunha periodicidade trimestral, poucas veces alterada, a revista pronto se converte nun referente da prensa xuvenil independentista galega, con reportaxes de actualidade, entrevistas internacionais e artigos de opinión de grande calidade. Aínda así, no ecuador deste lustro de loita, ADIANTE (MRG) sofre unha crise. E é que con case tres anos de traxectoria, a militancia de ADIANTE (MRG) non consegue baixar a media de idade, as comarcas organizadas seguen a ser as mesmas, pérdese militancia na Terra por mor da emigración por traballo e/ou estudos, márcanse obxectivos demasiado elevados e as espectativas iniciais vense defraudadas. É así que, coa negra sombra da autodisolución sobrevoando as nosas estruturas, ADIANTE (MRG) vese na obriga de celebrar o seu segundo Plenario Nacional para dar un novo pulo á organización xuvenil. A I Conferencia Nacional de ADIANTE (MRG) celébrase en Cangas do Morrazo en Novembro de 2007 co lema Un novo rumbo. Neste plenario, córtanse de raíz as tentacións liquidacionistas, faise a necesaria autocrítica, procúranse solucións a curto e medio prazo e afiánzanse os lazos co partido comunista e independentista galego, lanzando á Frente Popular Galega unha proposta de Convenio de Libre Vinculación. Pouco a pouco, os resultados van chegando e ADIANTE (MRG) consegue ir despegando de novo. Maior presenza na rúa, máis modestia nos obxectivos, contacto continuo coas bases simpatizantes, orixinalidade na propaganda… son algunhas das receitas aplicadas tras o vital segundo Plenario. ADIANTE (MRG) aumenta a súa militancia e rebaixa a media de idade da mesma, volve a ter traballo activo sectorial e referencialidade internacional. A mediados de 2008, ADIANTE (MRG) xa está medianamente consolidada e decide convocar o seu terceiro Plenario Nacional. Tras uns meses preparando os textos de debate, o 20 de decembro ADIANTE (MRG) celebra a súa II Asembea Nacional en Cangas do Morrazo co lema A mocidade comunista pola independencia de Galiza. Neste novo plenario decídese un novo programa táctico, adóptase o marxismo-leninismo como facho principal do noso accionar, renóvase a dirección da organización e culmínase a fusión de ADIANTE (MRG) co Grupo Revolucionario de Estudantes Independentistas, dando lugar a ADIANTE, a secas, como organización que unifica o traballo xuvenil, estudantil e obreiro dun xeito global. No ano 2009, alén de apoiar as campañas electorais da FPG e Iniciativa Internacionalista, prestamos máis atención á formación interna e ao debate. Durante o próximo 2010 adicarémonos mais á propaganda e á expansión organizativa desenvolvendo a nosa nova campaña nacional. En próximos meses o noso obxectivo será organizar a máis mozas e mozos, chegar a novos lugares e dinamizar máis sectores, co obxectivo fundamental de dotar á mocidade galega dun futuro de liberdade e democracia, así como formar revolucionarias/os para a loita pola independencia. Non esquecemos as verbas de Mao “Como xulgar se un/ha moza/o é revolucionaria/o? Como discernilo? Só hai un criterio: se está disposto a se fundir, e se funde na práctica, coas grandes masas obreiras e labregas. É revolucionari@ se o quere facer e o fai; doutro xeito é non-revolucionaria/o ou contrarrevolucionaria/o”. É así que ADIANTE chega aos seus cinco anos de traxectoria. Cinco anos de resistencia e ofensiva xuvenil contra a nosa existencia colonial, contra o sistema da desigualdade social. Cinco anos que ADIANTE celebrará o vindeiro sábado 19 de Decembro na cidade de Compostela, no Restaurante Triacastela (Rúa Triacastela, Avenida de Lugo) a partires das 20:00 horas cun acto político seguido dunha cea de confraternización e dunha foliada popular. O acto político dará inicio ás 20:00 horas da noite no mesmo Triacastela coas intervencións de Mariano Abalo (Secretario Xeral da FPG), Ricardo Castro (Secretario Xeral da CUT) e un/ha representante de ADIANTE. De seguido, unha cea-convivio que reagrupará á militancia de ADIANTE, compañeiros e compañeiras da FPG, das Redes Escarlata e da CUT, ex-militantes de ADIANTE, colaboradores, colaboradoras e unha chea de amigos e amigas. Un pequeno día de festa para iniciarmos moitos máis días de loita. Viva ADIANTE e o independentismo de clase!! |























Alá van 5 anos, ou 60 meses, ou 260 semanas, desde a constitución formal de ADIANTE. Durante estes cinco anos de actividade da nosa Organización estivemos, sobre todo, a afortalar unha estrutura estábel, nun constante proceso dialéctico, de cara a sentar as bases dunha Organización máis forte e dinámica no futuro. Tamén participamos activamente noutras frontes da loita dentro de colectivos e organizacións como a cultural Redes Escarlata, a sindical Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras de Galiza (CUT), a estudantil Grupo Revolucionario de Estudantes Independentistas (GREI), a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), as veciñais dos Foros Sociais ou a feminista Marcha Mundial das Mulleres (MMM), levando de fronte, dentro delas, a nosa postura independentista, revolucionaria e de clase. Cinco anos cara adiante. E moitos máis que virán, por moito que incomode a tantos. Iso é bo.