1º Festival da Cultura Proletaria
Menú principal
Inicio
Quen somos
Nacional
Internacional
Opinión
Ligazóns
Contacta!
Publicacións
Descargas
Galerías
Procurar
Lista de Correo

Recibe as novidades da Páxina de ADIANTE no teu enderezo de correo electrónico






ADIANTE nas redes sociais
Entidades amigas
Plataformas sociais
Queremos Galego
Ligazóns
estoutras notas políticas
Komunikando.net
http://www.blogoteca.com/upload/bit/cont/591-c-Malmequer%202.jpg
Blog Galego de Solidariedade
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
 
 
Quen somos PDF Imprimir Correo-e

[Descarga aquí este documento]

Asemblea Nacional Constituínte

 

logoADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) somos unha organización xuvenil galega, autónoma e asemblearia, que abrangue a diversidade de problemáticas da mocidade galega desde unha perspectiva de liberación nacional e social, tendo como horizonte estratéxico a construción dunha República Galega independente e socialista.

 

Comezamos a fragoar o que sería ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) cunha xeira de asembleas abertas iniciadas na véspera do Día da Patria Galega de 2003 (descarga aquí o Manifesto Fundacional) a partir dun grupo inicial de mozas e mozos independentistas e revolucionari@s procedentes de distintas estruturas (de base, políticas, sindicais, culturais...) e formad@s en recentes loitas (anti-LOU, Prestige, anti-guerra...) ás/aos que se foron sumando máis xovens até a nosa Asemblea Nacional Constituínte (ANC) celebrada en Compostela o 9 de Outubro de 2004 baixo o lema O FUTURO É NOSO (descarga aquí os Relatorios da ANC).


Facemos parte do Movemento Nacional-Popular Galego (MN-PG) xunto con outras organizacións (partidos, sindicatos, asociacións…) con similares obxectivos aos nosos.

  

POR QUE LOITAMOS?

A orientación estratéxica de ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) guíase seguindo os seguintes principios:

 

Loitamos pola independencia nacional

Galiza é unha nación cunha lingua, cunha cultura, cunha historia e cun territorio propios, e como tal aspira e ten dereito á súa Autodeterminación. Loitamos por gobernar nós a nosa Terra no marco dunha República Galega independente, soberana, democrática e popular, na que o poder estea ostentado pola clase traballadora e o territorio nacional non se reduza ás vixentes fronteiras autonómicas nin o seu artellamento interior se faga en base ás provincias actuais.

Pola contra, promovemos unha organización territorial acorde coas comarcas históricas e coa realidade socioeconómica de cada unha delas, e defendemos a reintegración en Galiza dos territorios estremeiros con Asturias (comarca do Eo-Navia e máis a do Val do Ibias), coa provincia de León (O Berzo e máis A Cabreira) e coa provincia de Zamora (comarca da Seabra), por seren de sempre parte integrante da cultura e da historia de Galiza.

Loitamos polo socialismo e o traballo

Frente aos que anuncian a fin da historia ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) reivindica a plena vixencia dos ideais de esquerdas. Afirmamos que estas ideas que defenderon e desenvolveron MARX, ENGELS, LENIN, CHE GUEVARA, MONCHO REBOIRAS... seguen a ser válidas e máis necesarias do que nunca. Son unha ferramenta imprescindíbel para comprender a nosa realidade e o que é máis importante: indícannos como poder transformala.

Temos o convencemento de que este novo movemento que estamos a erguer se ten que sustentar non en ideas abstractas e moito menos en "infantilismos esquerdistas" senon en toda a experiencia, análise e historia acumulada de séculos de loita popular e anti-imperialista en Galiza e no mundo.

Recollemos pois a semente xa histórica do nacionalismo de esquerdas comprometido cun cambio de carácter revolucionario para Galiza.

Avogamos pola redistribución e reapropiación do salario e non polo traballo no contexto da precariedade. A precariedade, o paro e a emigración non poden ser as alternativas para a nosa xeración e para as xeracións futuras.

ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) asume como obxectivo estratéxico a construción dun Estado socialista como primeiro paso cara unha sociedade xusta e igualitaria, sen explotad@s nin explotadores, sen oprimid@s nin opresores, é dicir unha sociedade comunista.

Loitamos contra o patriarcado e a homofobia

ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) fai súa a causa revolucionaria da loita de liberación da muller. Loitamos contra o modelo patriarcal de sociedade, modelo perpetuador da opresión sobre a muller, contra o sexismo e a discriminación en todos os ámbitos da vida, no laboral, no persoal, no sexual... Pola igualdade absoluta e real entre homes e mulleres. É a obriga de todos os mozos e mozas defender posicións feministas baseadas en análises socialistas da nosa realidade.

Consideramos fundamental o respecto e a defensa das diversas orientacións sexuais dos individuos. Apoiamos as intervencións nas loitas dos colectivos de gais, transexuais, lesbianas e bisexuais.

Somos antiimperialistas e internacionalistas

ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) considérase parte da loita mundial antiimperialista e anticapitalista e como tal nos opomos ao reparto e saqueo económico do mundo por parte das potencias imperialistas e dos seus monopolios financeiros.

Mostrámonos en contra dos organismos que sirven para manter a dominación imperial-capitalista, como son hoxe en día a Unión Europea e OTAN. Loitamos activamente contra as agresións de todo tipo desencadeadas polo fascismo imperialista internacional, sexan baixo a excusa humanitaria ou baixo a bandeira da ONU. Denunciamos tamén o papel que xogan os exércitos que son na súa maioría instrumentos da oligarquía capitalista para a defensa dos seus intereses dentro e fóra das suas nacións.

ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) é unha organización internacionalista. Proclama a súa solidariedade con todos eses homes e mulleres que no mundo loitan polo socialismo e por liberar as súas nacións das mans da opresión e do colonialismo.

Tampouco se nos poden esquecer as forzas que contrarrestan ao imperialismo en xeral. Por iso amosamos a nosa especial solidariedade cos pobos de Iraq, Palestina, Colombia, Venezuela e Cuba. Tendemos a manter especiais relacións de fraternidade e solidariedade con outros movementos da mocidade que como o noso manteñan unha loita contra o Estado Imperialista Español (EIE) e en prol do socialismo.

Loitamos contra o colonialismo

Galiza segue a estar sometida a un expolio e a unha dependencia económica por parte do Estado Imperialista Español (EIE), o cal exerce unha opresión política e cultural sobre o pobo galego. Toda a nosa loita está enfocada a rachar con este sometemento co fin de acadar a nosa soberanía nacional e así xestionar racionalmente os nosos recursos económicos e naturais, así como exercer unha defensa efectiva da nosa cultura e lingua nacionais hoxe en retroceso debido ás políticas da Xunta. Exercemos unha denuncia constante das estruturas políticas impostas polo colonialismo (monarquía, constitución, estatuto, etc...).

Loitamos na defensa da Terra

Rexeitamos a destrución e a explotación dos recursos naturais resultantes do sistema capitalista que busca o lucro. Porque estamos fart@s de ser unha colonia onde se espolian as nosas riquezas e se destrúen os nosos montes, ríos e mares. Porque estamos fart@s de ver como no mundo o poder neoliberal espolia os recursos dos cidadáns.

Loitamos pola nosa cultura nacional

Defendemos a nosa Lingua e a nosa Cultura, hoxe en retroceso debido ás políticas de “bilingüismo harmónico” e o nulo interese en políticas de investigación, defensa e espallamento do noso patrimonio cultural e lingüístico por parte da anterior Xunta do Pp e tamén da actual do PsoE-BnG. Loitamos polo que nos é propio e apoiamos a todos aqueles pobos que ven como o que lles é propio desaparece.

 

 

Día da Patria 2006
 

 

 
© 2010 ADIANTE (Mocidade Comunista pola Independencia de Galiza)
Feito con Joomla!, Software Libre distribuido baixo licenza GNU/GPL.