|
(PRIMAVERAS XXI) Deixemos de laiarnos. Practiquemos o compromiso no día a día co noso idioma, co vínculo máis estreito entre o noso presente e a nosa historia, e ao mesmo tempo o elemento indipensable pra que un pobo sexa pobo con total independencia, aquilo que garante un camiño propio.
Nunca até o de agora a situación fora tan alarmante na perda de falantes. A creba xeracional aumenta ano tras ano, estatística tras estatística, sen que as institucións raquíticas deste pobo con lingua milenaria de seu, ocupadas e detentadas polos recortadores de dereitos e palabras, fagan nada por cumprir sequera a tamén raquítica, feble e timorata lexislación vixente en materia lingüística.
É por iso que van sendo moito horas de deixarmos de centrar o noso discurso no catastrofismo e na queixa sen remedio á vista. Os laios están ben pra escribir poesía, mais non pra socializar a necesidade de facermos do noso idioma propio unha necesidade cívica, unha ferramenta de vida, unha moda que enraíce fondo entre a mocidade consciente.
Cremos que, no momento en que chegamos ao máis baixo nivel de emprego do noso idioma por parte da xente nova, que é quen terá que ser garante da transmisión do mesmo ás xeracións vindeiras, faise preciso centrar todos os esforzos en incidir no bo exemplo das e dos NEOFALANTES. Porque elas e eles, galegas e galegos do século XXI, preservarán a nosa cultura e a nosa lingua alargando e dándolle así continuidade a unha obra colectiva florecente e esplendorosa, como o son todas e cada unha das creacións comunais dos pobos e das nacións do mundo polo que loitamos.
Desde a mocidade comunista e arredista de Adiante lanzamos unha mensaxe en positivo que non pretende obviar para nada a necesaria crítica ao lingüicida e virrei de España, Frijolito. O que queremos é que a xente nova deste país sinta a necesidade de saír da apatía xeneralizada e da frustración á que tantas aparentes derrotas nos teñen levado ultimamente. Porque cremos na alegría e na satisfacción que sentimos ao vérmonos herdeiras e utentes dun tesouro creado para comunicármonos entre nós e para compartir cos demais pobos do mundo. Nin nos imos negar o pracer de sermos pobo con lingua propia, nin imos permitir que a humanidade que vén fique sen escoitarnos.
|
|
|
Temos o pracer de presentar a primeira edición das Xornadas Comunistas organizadas pola Frente Popular Galega (FPG) e a organización da mocidade comunista e independentista Adiante, baixo o lema ¨O FUTURO DO SOCIALISMO EN GALIZA E NO MUNDO¨. Con estas xornadas de formación tentamos abranguer o conxunto das problemáticas sociais, nacionais e de xénero que configuran as principais frontes de loita do movemento comunista actual. As xornadas transcorrerán na Casa Galega da Cultura (Edificio da Fundación Fermín Penzol), en Vigo (Praza da Princesa nº 2) durante os días 9, 10 e 11. Os dous primeiros días haberá seis palestras e o terceiro día desenvolverase unha interesantísima mesa redonda na que participarán representantes dos partidos comunistas, ora galegos, ora con actividade política na nosa nación. Nela teremos unha inmellorable ocasión para coñecer as estratexias de construción do socialismo das organizacións políticas participantes. Queremos, coa organización destas xornadas, contribuír á posta en común de ideas e estratexias, así como á formación marxista da nosa militancia e máis de quen quixer asistir ás charlas. Nun mundo onde o acto mesmo de pensar está considerado pouco menos que un atrevemento, un luxo do que se priva ao pobo, nós propomos un lugar común para o facer, un espazo de pensamento e debate colectivo. Somos conscientes da invisibilización á que o programa revolucionario está sometido na nosa sociedade, así que rachar na medida das nosas posibilidades con ese ocultamento é para nós tamén un obxectivo primordial. Só de sermos capaces de facérmonos escoitar na rúa, no traballo, no centro de ensino, e, tamén, nos auditorios, seremos quen de adherir cada vez máis vontades á construción dunha outra sociedade, dun outro xeito de pensar, de sentir e de actuar sobre o real. Por que a verdade existe e seguirá sempre a ser revolucionaria, a tarefa nosa como militantes comunistas é adquirir o coñecemento preciso para a distinguir entre as falacias e as mentiras do sistema inhumano contra o que nos tocou loitar. Un outro xeito de facer política e de socializármonos non é apenas alternativa, senón necesidade cada vez máis acusada. Velaquí, xa que logo, un pequeno paso adiante nese camiño. |
|
Ler máis...
|
|
|
O Ministerio de Educación vén de anunciar un novo ataque contra o ensino público: o incremento de até un 66% das taxas universitarias. Ao tempo que reducen un 10% os recursos para bolsas e recortan os orzamentos en arredor de 600 millóns de euros para educación, pretenden facer que o estudantado participe nunha maior porcentaxe no financiamento universitario. Porén, non debemos olvidar que esta non é a única agresión que estamos vivindo as estudantes. Esta suba das taxas vén precedida da suba do 2'5% de hai dous anos e do 3'6% o pasado curso; vén enmarcada dentro dunha transformación do modelo universitario que, a través da Estratexia Universidade 2015, encamíñanos a unha elitización e mercantilización da Educación, permitindo que as entidades privadas e os seus intereses participen do financiamento do que debería ser un servizo público. Debemos ter en conta tamén o ensaio das Normativas de Permanencia presentado xa na USC, que fai que desapareza a figura do non-presentado e obriga a matricularse das materias pendentes ano tras ano, incrementando o prezo en cada matriculación posterior e servindo como outra forma máis de recadar cartos para financiarmos nós o que se nega a financiar o Estado. Lembremos tamén que o modelo de avaliación do plan Boloña é de presenza obrigatoria, polo que as persoas que teñan que traballar para poder vivir á vez que estudan non terán cabida neste modelo universitario. A educación nunca foi aliada dos modelos baseados na dominación. A deriva neofascista dos gobernos, amparados na escusa da crise, está obrigando ao estudantado a abandonar a carreira por non poder afrontar uns prezos desorbitados. Está obrigando á mocidade a servir como man de obra non cualificada, como obreira obediente. Desde ADIANTE cremos que un modelo universitario verdadeiramente democrático será aquel que estea a disposición da clase traballadora, das fillas das obreiras, no que a renda non sexa un impedimento para o acceso ao dereito universal da educación. Nós non imos tolerar que o ensino se convirta nunha arma a servizo do capital e, por iso, animamos á mocidade revolucionaria a participar na folga do ensino do vindeiro 10 de maio e a mobilizarse co sindicalismo estudantil combativo. O estudantado galego á rúa neste 10 de maio!Velaquí as convocatorias de mobilizacións do vindeiro día 10 de maio: Compostela, na praza do Toral ás 12:00h
A Coruña, na praza da Palloza ás 12:00h
Ferrol, na praza 10 de marzo ás 12:00h
Ourense, na rúa Concello (diante da Delegación Consellaría Educación) ás12:00h
Pontevedra, na Subdelegación do Goberno ás 12:00h
Vigo, na praza de América ás 12:00h
Burela, na praza da Capitanía ás 12:00h
Verín, na praza do Concello ás 12:00h
Vilagarcía, na praza de Galiza ás 12:00h
Lugo (por confirmar). |
|
|
A posta en liberdade do mozo Miguel Nicolás Aparicio, baixo a fianza de 3000 euros, logo de permanecer secuestrado polo sistema penitenciario español e dispersado dende o 15 de decembro do 2010 é unha nova gratificante para todas e todos aqueles que sostivemos ao longo destes meses unha campaña de solidariedade que se concretaba en mobilizacións por todo o País. Non pode deixar de alegrarnos que a razón e a mobilización social triunfasen máis unha vez sobre a barbarie e o seu sistema de exclusión social.
 É por iso, que ADIANTE saúda a súa excarcelación e denuncia novamente todo o circo mediático, xudicial e represivo que se desenvolveu contra este traballador vigués, e que dalgunha maneira veu dar mostras da súa insostibilidade e falta de xustificación. Esta boa nova debe levarnos a esixir máis forte do que nunca a inmediata posta en liberdade incondicional de todos e todas as presas políticas, sexa cal for a súa identidade política, que están a sofrer o axuste de contas dun sistema construído contra a maioría social, xa que aínda fican 20 pres@s polític@s galeg@s na cadea e temos o deber de denunciar a dispersión á que o Estado Español @s condena sen sequera xuízo previo, e esixir a amnistía para tod@s, sobretodo para @s que están enferm@s: Mª Xosé Baños e Suso Cela. |
|
|
 Todas as centrais sindicais clasistas con arraizamento no noso País coincidiron en mobilizar ao conxunto da clase traballadora, de cara ao día internacional do proletariado, cun chamado á defensa activa dos servizos públicos e dos dereitos sociais. E esta é, para a mocidade traballadora, unha necesidade de primeira orde, polo impacto concreto que de entre a mocidade van ter a serie de medidas de reaxuste neoliberal sobre o común.
Para o reaxuste das condicións de explotación da maioría social, que coa coordenación do FMI están a desenvolver os gobernos da Europa, o desartellamento do "gasto" público, e de todo o conxunto das garantías sociais, (o esfarelamento da sanidade, a educación ou os servizos sociais) é unha tarefa urxente, na dirección de tensionar a riqueza social cara arriba. Isto significa que no contexto actual de crise, só lles resta quebrar o sistema de servizos públicos, que o pobo traballador defendeu con coraxe ao longo da historia.
Somos a mocidade da clase obreira e das clases populares, xa afectada maioritariamente polo desemprego e o traballo lixo, a que vemos comprometido xa non o noso futuro, senón o noso presente, na falta das garantias mínimas para a nosa supervivencia social. Ao capitalismo xa non lle abondou coa ca precarización das condicións de traballo, e na súa ofensiva, está disposto a precarizar o conxunto das nosas vidas. Vedarnos o acceso á saúde, vetar o noso acceso ao ensino, e esfarelar o xa feble edificio dos nosos dereitos sociais.
As análises están xa propostas. A condena da humanidade á miseria non é unha doenza social puntual, senón a lóxica de fondo deste sistema. É por iso, que cunha mocidade xa sensíbel a inviabilidade do Capital como organización criminal contra a maioría social, é preciso acender os motores da resposta activa nas rúas. Esta ofensiva neoliberal chama por unha resposta masiva da mocidade na rúa, con carácter permanente, esixindo o dereito a exercer o seu soño dunha sociedade sen explotación, a sociedade das e dos comunistas.
O 1º de maio nada comeza. É a nosa loita que continúa.
ADIANTE chama a toda a mocidade consciente a participar das mobilizacións sociais do proletariado en todas as cidades e vilas do País, e a nosa militancia estará presente masivamente nas seguintes convocatorias:
Vigo ás 11,00 h. na Praza de Fernando O Católico. Coa CUT, CNT, CGT, STEG, SF. A Coruña ás 12.30 h. na Praza de Pontevedra. Coa CUT e a CGT. Ourense ás 12,30 h. Pavillón dos Remedios. Coa CIG. Pomos ao voso dispor o video feito pol@s compañeir@s da CUT de cara a este 1º de maio:
|
|
|
A organización da mocidade ADIANTE estivo presente na mobilización social do pasado sábado 21 de abril, que agrupou nunha marcha dende o Pazo de Congresos ata o edificio da CRTVG en San Marcos a varios centos de persoas e diversos colectivos sindicais, sociais e políticos, baixo a lenda de "Nin represión, nin manipulación" na CRTVG.
ADIANTE trasladaba coa súa presenza a súa adhesión e solidariedade cos traballadores e traballadoras que se están a ver obxecto dunha investigación represiva na CRTVG, por suposta "colaboración" coa ocupación desenvolvida o 30 de abril polas persoas afectadas polas participacións preferentes no edificio central da compañía pública, É máis unha vez que esiximos a fin das políticas de censura e control partidario da información no noso medio de comunicación pública nacional, e participamos que só o comezo dunha nova etapa de xestión, que se preocupe pola información obxectiva, veraz e imparcial, á marxe do control político do goberno de turno pode contribuír á construción dun medio nacional público de referencia para todas as clases populares de Galiza. ADIANTE continuará colaborando activamente coa denuncia da actividade represiva da dirección empresarial da CRTVG, que está a aproveitar a mínima oportunidade para encetar expedientes disciplinarios (son xa varios actualmente) e por suposto, poñendo os seus esforzos na denuncia das diferentes violencias estruturais do sistema, entre as que está a expropiación dos fondos privados e dos aforros de milleiros de persoas no noso País, que se viron estafadas por Novagalicia Banco. |
|
|