INICIO
QUEN SOMOS
NACIONAL
INTERNACIONAL
PUBLICACIÓNS
DESCARGAS
OPINIÓN
GALERÍAS
LIGAZÓNS
CONTACTA!

Recibe as nosas novidades
no teu correo electrónico






Presas
     
A morte dun asasino

É para nós complicado emitir un comunicado ao redor da morte de Manuel Fraga Iribarne. Dende logo non é así nin porque nós, a mocidade, vaiamos aceptar o grande pacto de silencio que as forzas do Capital selaron ao redor da ditadura franquista, nin tan sequera porque nos conmovan as marchas fúnebres ou as conmemoracións decretadas ao redor dunha figura que non nos resulta de ningunha maneira controvertida, senón un significativo símbolo de como o franquismo (como outras conmocións totalitarias do sistema) arraizou no sistema político español (e por extensión o galego), e de como os vencedores deron izado un pantalla de fume que quere esfiañar para sempre a pouca memoria social da resistencia antifranquista.

Resulta pouco amábel a mediatización da nosa derrota colectiva. Con todo non nos preocupa que os representantes activos da clase propietaria, festexen coa morte Manuel Fraga a consolidación do seu proxecto de dominación económica, colonial e de xénero. Certo é que este banquete lles corresponde. Nin tampouco as condolencias públicas de tal ou cal partido, do nacionalismo de autodefensa galego, ou do nacionalismo de ocupación español, que abandonaron nas beiravías da historia calquera posibilidade de transformación do real para a maioría social.

Preocúpanos a escasa capacidade da esquerda revolucionaria para resituar no calendario político a conmoción profunda que sentimos polo feito de que a morte dun asasino actualice inevitabelmente a memoria das e dos asasinados, e non só, tamén das e dos oprimidos. A memoria tamén das e dos resistentes. Pensamos agora mesmo nas moitas datas e lugares nas que a actividade política dun peón de altura do fascismo como foi Fraga Iribarne supuxo a perpetración impune da barbarie. E tamén pensamos nas moitas datas e lugares nas que o pobo traballador se plantou con firmeza fronte a esta experiencia de dominación e queda das liberdades.

Algúns teñen interese en que a memoria da resistencia obreira e popular antifranquista amarelee cos xornais. Para nós, a oposición antifranquista é unha das experiencias históricas nas que máis nítida se tornou a conciencia antisistémica. O franquismo foi tan só unha das etapas elevadas no nivel represivo e de suspensión dos dereitos civís e políticos do Capital no estado español. Da nosa man está atopar as conexións e a actualidade de experiencias de formación política democrática que xurdiron ao paraugas do pensamento e das prácticas de oposición ao totalitarismo. Da nosa man está relexitimar a memoria da loita e a dignidade nunha batalla política despregada contra o mesmo sistema que tamén hoxe reprime e condena á miseria á clase traballadora, e en concreto á mocidade obreira.

Quizais o feito máis triste ao redor da morte de Manuel Fraga Iribarne foi a mesma morte dese con el nunha confortábel cama. Traballaremos incansabelmente para crearmos unha alternativa política socialista na que a xustiza sexa administrada polo pobo traballador e na que caian as sabas e as almofadas sobre as que descansan centos de asasinos que serviron a un único Deus, o Diñeiro, cun único método, a Explotación salvaxe das maiorías sociais. 
 
Crónica da Manifestación do 17 de decembro

Decorreu a nosa primeira manifestación nacional baixo o lema: Derrubar o seu sistema, Construír o noso futuro. E a mocidade respondeu.

Cabeceira da manifestación

Ler máis...
 
Teo, 23 de Decembro: Galiza-RASD

Máis un ano, da man das compañeiras e compañeiros de Siareir@s Galeg@s , chega en decembro o encontro da nosa Seleción Nacional de Fútbol. Máis un ano, levarán a Galiza ao terreo de xogo. 

Cartaz do Evento

 

ACTIVIDADES: A partires das 16:00h. haberá un aberto de billarda da auténtica, loita galega, unha carpa DJ e un espazo Saharaui con diferentes actividades.

MANIFESTACIÓN: Ás 19:00hh. sairá a manifestación nacional do campo de fútbol de Cacheiras, baixo a lenda: “Siareir@s Galeg@s, XV anos luitando polas selecçons nacionais!”.

ENCONTRO: Ás 20:30 no campo de fútbol de Cacheiras dará comezo o xogo no que Galiza se enfrentará á RASD.


CONCERTO: Invivo (Metal-Cru, Compostela), Contra as Cordas (Hardcore, Ourense), Bastards on Parade (Punk-folk, A Coruña) e Opció K-95 (Punk-Oi!, Barcelona – Països Catalans).

 
Todo preparado para a mobilización nacional de ADIANTE

Nos últimos días e grazas ao esforzo das nosas militantes e simpatizantes, a convocatoria de ADIANTE deste sábado 17 chegou a boa parte do país. Agardamos que a mobilización de mañá sexa ben recibida e contribúa á rebeldía e desobediencia da nosa mocidade perante este sistema que nos nega o futuro.

Vémonos mañá ás 18 na Alameda compostelá.


Díptico ADIANTE 17 Decembro
 
Un ano secuestrado. Miguel liberdade!

Miguel Liberdade!365 días. 12 meses. 1 ano. Eis o tempo que o mozo obreiro e compañeiro da CUT Miguel Nicolás leva legalmente secuestrado e dispersado nas cadeas do rexime. Sen dereitos, sen defensa, sen saber porqué. Lonxe. Moi lonxe da súa Terra e da súa xente. Por simple criminalización. Por vinganza contra quen loita. Por mera represalia exemplarizante. Todo envolto coa necesaria colaboración dos medios de comunicación do sistema, dunha lexislación neofascista herdeira do franquismo e dunha xustiza monicreque do poder político.

A mocidade comunista organizada en ADIANTE segue a valorar a aposta consecuente do compañeiro Miguel pola liberación nacional e social de Galiza en todos os espazos compartidos, porque o traballo en conxunto que viñemos a facer no seo do sindicalismo clasista e combativo galego é a mellor escola na que aprendermos o que representa a camaradería. Tras un ano de dispersión  e secuestro“preventivo” ficamos especialmente preocupados e preocupadas polo trato que o compañeiro Miguel está a recibir en prisión e seguimos tentando conseguir por todos os medios novas puntuais da súa situación dentro.

O Estado Imperialista Español, reforzado nos seus mass media, pretendeu convertir a súa detención nun movemento exemplarizante para apagar as voces diverxentes, e que con enerxía transformadora empezan a disturbar o discurso único, o discurso do capitalismo salvaxe, violento: coas súas taxas de desemprego, as súas guerras imperialistas, as súas condenas sistemáticas á mocidade obreira, os seus circos represivos, a súa defensa da propiedade privada dunha minoría por riba dos dereitos de amplas capas da humanidade condenadas á miseria máis extrema. É responsabilidade nosa que esas voces non se apaguen e se convirtan nun movemento contestatario aínda máis forte, aínda máis sólido, dirixido a derrubar todo isto.

Desde ADIANTE seguiremos defendendo con firmeza a inmediata posta en liberdade do compañeiro Miguel, xa que como é sabido, seguimos sen recoñecer a lexitimidade da lexislación española para xulgar a ningún obreiro ou ningunha obreira galega. Asumimos o compromiso de defender dentro e fóra do sindicalismo de clase a súa inocencia e de denunciar alí onde poidamos a brutalidade coa que as oligarquías, cos mass media, criminalizan e condenan arbitrariamente cando teñen a mínima oportunidade, co obxectivo de apagar a voz do proletariado galego.

 

Miguel Nicolás, liberdade xa!

Liberdade presas/os políticas/os galegas/os!

 
Manifestación Nacional o 17 de decembro

Derrubar o seu sistema, construír o noso futuro. Eis a mobilización que ADIANTE convoca para o vindeiro sábado 17 de decembro dende a Alameda compostelá, ás 18.00 horas da tarde.

Eis a trabe do momento presente. Eis a necesidade de camiñarmos con decisión tamén dende a mocidade para lle poñer couto a un sistema asentado na barbarie, esgotado, antipopular, e que está a pretender restaurarse cunha soa lóxica: que quen acumula a riqueza (detentada, como sabemos, por poucas mans) tire máis lucro do contexto de crise actual. A ansia de lucro da nosa burguesía é, e será, insaciábel. E pouco lle importa a miseria material e psicosocial á que nós fomos condenados e condenadas.

Pola contra, a principal preocupación da mocidade traballadora, consciente da necesidade de rachar cun sistema configurado contra a nosa propia existencia, é atoparmos as fórmulas para saltarmos do tren en marcha da historia. Procurar o xeito de empezarmos dende agora a construír con ilusión, con paciencia e sobre todo, con insistencia, o noso propio futuro. Todo o que hoxe está a pasar, neste estado de indignación permanente que conmove aos pobos traballadores do mundo, e neste contexto de resposta popular antisistémica dende Portugal á Grecia, pasando por Galiza, demostra que ese outro mundo, esa outra sociedade, é máis do que nunca posíbel. É máis do que nunca necesaria.  

 

Temos que saír á rúa a visibilizar o malestar das camadas populares do País con este sistema, que só serve a unha minoría. Debemos ocupar e utilizar todos os espazos públicos como punto de encontro no que comezarmos a poñer en común as fórmulas de construír ese novo sistema que queremos: onde os traballadores e traballadoras decidan o seu propio destino, onde a maioría social sexa radical e realmente libre, onde se disolvan á fin as marcas seculares do patriarcado e da dominación sobre as mulleres. Un novo sistema construído dende as moitas xeografías que xa están en marcha. Construído dende e para unha Galiza cultural e lingüísticamente emancipada e polo tanto independente. Un sistema que defenda a nosa terra como un ben común indispoñíbel. Unha nova sociedade onde se abatan un a un os muros da exclusión que someten a traballadores e traballadoras estranxeiras, ás persoas con diversidades funcionais, ás diversas identidades sexuais que teñen que se construír á fin libremente.

Un sistema social e económicos ao servizo dunha sociedade recoñecida en si, aberta. Constituída en base a unha democracia real, ás decisións colectivas en defensa do que é de todas e todos. Unha sociedade cun profundo sentido do que o socialismo é e debe ser: a única forma de evolución política, social e económica cara a igualdade radical de todas e todos nós.

Porémonos mans á obra neste diálogo e neste loita popular contra o agora. Contra o discurso único do Capital. Contra o discuros único das Metrópoles. Esta manifestación nacional é a achega que ADIANTE fai a todo este proceso. Agardamos que sexa ben acollida por todas e todos vós, e agardamos que o 17 de decembro nos vexamos todas e todos nas rúas de Compostela. 

 
<< Inicio < Ant. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seg. > Remate >>

Resultados 1 - 6 de 267
© 2012 ADIANTE (Mocidade Comunista pola Independencia de Galiza)
Feito con Joomla!, Software Libre distribuido baixo licenza GNU/GPL.